Thursday 16 de May de 2024

Nove colexios coruñeses participan no peche das actividades escolares programadas polo Concello no marco do 8-M


O centro sociocultural Ágora acolleu o acto final dos obradoiros sobre mulleres artistas nos que participaron case 400 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, participou hoxe na clausura dos talleres ‘Retratos de mulleres artistas, formas e cores’, que se desenvolveu en marzo pasado en nove colexios da cidade no marco das actividades do 8-M, Día Internacional da Muller.

Nos talleres participaron arredor de 380 nenos e nenas que, a través da obra de artistas como Maruja Mallo, Frida Kahlo, Georgia O’Keeffe ou Yayoi Kusama, puideron abordar e debater aspectos como os roles e estereotipos de xénero nas artes.

Neira agradeceu aos mozos e mozas asistentes ao acto a súa participación nos talleres e puxo en valor o compromiso dos centros escolares da Coruña na loita pola igualdade, “un traballo no que o Concello vai da man cos educadores, as nais e pais e tamén o alumnado”.

A clausura dos talleres, que contou coa intervención de dúas artistas coruñesas, a bailarina Sara Blanco e a música Candela Liste, pechouse coa entrega dun panel que recolle os momentos de traballo de cada un dos centros participantes.
Listaxe de centros educativos participantes:
● CEIP Torre de Hércules
● CEIP Plurilingüe Labaca
● CEIP Concepción Arenal
● CEIP Alborada
● CEIP Plurilingüe José Cornide Saavedra
● CEIP Sal Lence

● CEIP Juan Fernández Latorre
● CEIP Raquel Camacho
● CEIP María Pita